"A exaltación pública de símbolos representativos dunha etapa histórica, a dictadura franquista, que promoveu o exterminio físico do adversario político, o exilio e a dura represesión, atributos todos eles que definen a ideoloxía fascista, atenta contra os valores dunha sociedade democrática". Unha semana despois da petición no Congreso de Esquerda Unida, o PSOE presenta a súa proposta de lei para a eliminación de "vestixios" aos que "a falta de vontade política de moitos alcaldes permitiu que perduraran no tempo".
"Ofenden a boa parte dos cidadáns", denuncia a proposición presentada no Congreso por Esquerda Verde e ERC, que os deputados debaterán este mércores na Cámara. As dúas formacións denuncian que a administración tolere "a exaltación pública duns valores fascistas que atentan contra a dignidade democrática do Estado en xeral, das súas nacionalidades e dos millóns de persoas que sufriron os seus efectos". Así, piden que nun prazo máximo de seis meses sexan retirados todos os símbolos que permanecen aínda en instalacións de ministerios e edificios e instalacións de carácter militar e eclesiástico. Dende ERC estarían dispostos a alongar este prazo nun ano, logo do cal ningún edificio público debera acoller ningún símbolo deste tipo.
Ao fío, unha semana máis tarde, o grupo municipal socialista decidiu presentar a súa proposición non de lei ao respecto, para a retirada de "vestixios que lembran datas, nomes, imaxes e actuacións vencelladas coa ditadura e que son contrarios ao espírito constitucional vixente". Así, instan ao executivo a "aplicar todas as medidas precisas para favorecer a desaparición destes símbolos anticonstitucionais".