Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
A ONU INTENTA EVITAR UNHA "NOVA RUANDA"

A traxedia sudanesa

Nos últimos días, a comunidade internacional iniciou unha campaña de presións contra o goberno de Sudán co obxectivo de desmoviliza-las milicias árabes que interveñen en Darfur. O Congreso norteamericano cualificou estes enfrontamentos de "limpeza étnica", mentres a ONU xa fala dunha das peores catástrofes humanitarias do planeta e a diplomacia internacional mobilízase na busca dunha solución. Polo de agora, o resultado é unha resolución adoptada pola ONU nque outorga a Sudán un prazo de 30 días para a desmobilización das milicias. De non solucionarse a situacion, a ONU estudiaría a posibilidade de poñer en marcha sancións diplomáticas. Un artigo de Aarón Lemos .

- 06:27 03/08/2004
Tags:

A actual crise de Darfur ten a súa orixe a comezos do 2003, cando os grupos rebeldes iniciaron ataques contra obxectivos gobernamentais, motivados pola marxinación das minorías non musulmanas. En resposta, milicias progobernamentais árabes coñecidas como "janjaweed" desataron unha campaña de ataques contra poboados negros, na sua maioría cristiáns ou animistas, executando unha auténtica limpeza étnica. Matanzas, violacións, saqueos e a destrucción dos fogares, foron os medios para acadala. Polo de agora, a ONU contabiliza cerca de 50.000 mortos, 120.000 refuxiados no veciño Chad e 1.200.000 desprazados. O goberno sudanés nega ser o financiador destas milicias. Pese a súa negativa, existen moitas evidencias do contrario. As testemuñas aseguran que os rebeldes contan con material do exército gobernamental e apoio da aviación sudanesa.

A orixe deste odio racial e relixioso é económico. Remóntase ás loitas pola posesión de terras fértis entre os granxeiros negros que ocupan o sur da nación e os pastores nómadas de orixe árabe do norte. Nesta rexión, a maioría árabe que controla o estado posúe as infraestructuras e os fondos do aparello gobernamental. Mentres tanto, o sur atópase abandoado á súa sorte, anque posúe grandes riquezas naturais: petróleo, acuíferos e a maioría da terra cultivable do país. Nas rexións do norte, a agricultura extensiva acabou cos terreos de cultivo nun país no que só o 5% da terra é fertil.

Pero este xenocidio non é unha sorpresa. O Islam e a loita contra o infiel son algúns dos elementos cos que o líder golpista Omar al Bashir cohesiona un país de 600 etnias diferentes, pero cun 70% de poboación musulmana. O uso deste elemento e a busca de apoios dos mais fanaticos explícase pola debilidade do seu poder, posto en dúbida por parte dos seus antigos seguidores e diversos sectores do exército. Isto motivou o seu intento de impoñer a sharia ou lei islámica en todo o territorio, exacerbando a guerra civil que dende o ano 1961 manténse co sur do país.

O uso destes odios raciais como forma de controlar as masas maniféstase agora no exterminio practicado contra os grupos rebeldes de Darfur, moito menos poderosos. Desta forma, pretende asegurar os seus intereses, xa se chamen terreo fértil ou pozos petrolíferos de Darfur.

Pese ao dramático da situación, resulta estraño o repentino interese da comunidade internacional por este conflicto tras ignorar a guerra civil co sur, que deixou mais de dous millóns de mortos. A principios de ano, esta rexión foi "pacificada" gracias á presión estadounidense. Agora córrese o perigo de que as relacións entre os rebeldes de Darfur e os do sur deriven no reinicio das hostilidades. Caso de desexar a paz, sería imposible para o goberno de Omar al Bashir a detención dos "janjaweed". Os esforzos de Bush por achegar as diferentes partes e acordar un "alto ao fogo", tanto en Darfur como no sur, responde ás súas necesidades electorais.

Os grupos cristiáns de extrema dereita consideran a crise de Darfur como unha "persecución contra cristiáns". En resposta, mercan e liberan os escravos cristiáns, fan xenerosos donativos para a asistencia dos afectados e presionan ao goberno para que impoña a paz. A súa vez, o remate dos conflictos en Sudán suporía un éxito de Bush na política exterior, axudaríalle na obtención do voto das minorías negras e melloraría a súa imaxe ante as asociacións de dereitos humanos.

En canto ao resto de actores internacionais, existe un gran temor a que o conflicto sexa unha réplica do que aconteceu en Ruanda a metade dos noventa e, por tanto, un enorme fracaso. Outros riscos poderían ser a posibilidade de expansión do conflicto a Uganda ou que se reproduza en territorios da veciña Chad, dunha configuración étnica similar.

A mayor preocupación consiste en cómo resolver esta crise, se pese á resolución a situación en Darfur non cambia. Algúns estados prestáronse a mandar tropas, mais semella complicado que a ONU aprobe o envío dunha forza de paz multinacional. Entre os impedimentos atópase a negativa inicial de Francia, Rusia e China, renuentes a que a resolución mentase sequera as sancións, se ben están implícitas ao referirse ao artigo 41 da Carta da ONU. Francia, Brasil e outros países consideran preciso outorgar unha marxe de tempo antes de tomar medidas coercitivas.

Aclaremos que existen outros motivos que fan sospeitar da actitude dalgúns Estados con Sudán: Rusia e China manteñen os seus propios conflictos internos con Chechenia e Tibet. No caso de Rusia, ademais exportan avións militares a Sudán que, a súa vez, concedeu a explotación dalgúns dos seus pozos petrolíferos a empresas francesas e chinesas.

Outro problema, non menor, sería a loxística: precisaríanse uns 20.000 soldados para controlar de forma eficaz esta rexión do tamaño de Francia, número difícilmente mobilizable dadas as dificultades de EEUU. e os seus aliados para manter as súas misións en Irak, Afganistán e Cosova, entreoutras. Este mesmo problema deixa fora de xogo á Unión Africana debido aos enormes custes que implicaría unha mobilización militar deste tipo. Polo de agora só acordaron o envío de 300 soldados para protexer aos seus observadores na rexión.

Semella que a diplomacia internacional trata de evitar a vergonza dun novo desastre humanitario como o dos Grandes Lagos, mais non está disposta a arriscarse a unha humillación como a sufrida por Washington en Somalia.


0/5 (0 votos)