O grupo socialista do concello da Coruña, co alcalde Francisco Vázquez á cabeza, rexeitou co apoio do PP unha moción do BNG na que se solicitaba a supresión de símbolos e nomes franquistas presentes nunha das cidades galegas que conserva aínda pegadas da época da dictadura.
Na Coruña rúas, xardíns, prazas, ... seguen a rendir homenaxe aos vencedores do 39, os responsables dunha dictadura que durou case corenta anos. Durante esa etapa as principais rúas e prazas de vilas e cidades colleron o nome do "Xeneralísimo" ou daqueles que lle axudaran a chegar ao poder. Hoxe, unha boa parte dos gobernos municipais decidiron retirar os símbolos da dictadura dos seus espazos públicos.
Sen embargo, A Coruña segue resíntindose a desfacerse deles debido á oposición de Francisco Vázquez que os considera unha proba da "recuperación ordeada da historia". En casos coma este o alcalde herculino non admite nin o debate. Atribúe a moción a unha proposta "terxiversadora" do BNG . Díxoo en Madrid, durante a súa visita á ministra de Medio Ambiente en Madrid, e recalcou visiblemente indignado ante a pregunta dun xornalista que a cidade debería poñerse como exemplo da recuperación histórica tolerante, sen xerar crispación nin confrontación.
Mentres tanto, os coruñeses seguirán entrando á súa cidade pola Avenida do Xeneralísimo. E cando se atopen enfermos acudirán a curarse ao hospital Juan Canalejo, que leva o nome dun dos máis coñecidos militantes da Falange Española.