Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IPC, NEGOCIACIÓN COLECTIVA E PERDA DE PODER ADQUISITIVO DOS SALARIOS

O cálculo actual do IPC penaliza os salarios máis baixos

O sistema de cálculo oficial do Índice de Prezos ao Consumo, IPC, (a referencia na revisión salarial da negociación colectiva) contribúe, segundo o profesor Xavier Vence, á perda do poder adquisitivo dos salarios. Para Vence, o feito de que non se contabilice, por exemplo, o gasto en compra de vivenda e que o maior aumento dos prezos se dera naqueles productos máis básicos da "cesta da compra" favorece as desigualdades sociais e a perda do poder adquisitivo precisamente nas familias con menores ingresos. Unha análise de Xavier Vence.

- 15:38 22/06/2004
Tags:

Nos primeiros catro anos desta década os aumentos salariais foron lixeiramente inferiores ao IPC e iso provoca unha certa perda de poder adquisitivo dos salarios no noso país. Pero máis alá diso hai diversas razóns adicionais que contribuen á perda de capacidade adquisitiva dos fogares e que teñen que ver coa definición e configuración do IPC e coa toma en consideración do IPC como referencia básica na negociaciación colectiva.

O IPC pode servir para medir a evolución dos prezos dunha parte importante dos bens e servizos consumidos pero non de todos, deixando fóra unha parte relevante dos bens e servizos consumidos ou utilizados polas familias, que determinan unha parte das suas condicións de vida (vivenda, servizos públicos, etc). O exemplo máis claro é a vivenda: se o prezo da vivenda se dispara isto non ten ningunha repercusión directa no IPC.

O IPC tal como está definido actualmente en España incorpora os pagos por aluguer pero non incorpora o gasto en compra de vivenda porque o considera un investimento e non un gasto (o que é moi cuestionable, porque cando menos ten unha doble natureza) e, en consecuencia, o aumento espectacular do prezo das vivendas non se recolle no IPC (cousa que si ocorre dun xeito ou doutro en boa parte dos paises da UE, entre eles Alemania, Holanda, Reino Unido, Suecia...).

O problema en Galicia (e en España) é que esa semiexclusión do gasto en vivenda afecta ao 90% das familias, provocando unha infravaloración do gasto medio en vivenda e afecta especialmente ás familias de rendas máis baixas:

a) porque destinan a vivenda unha proporción moi superior dos seus ingresos e representa unha parte moi superior dos seus gastos. De feito, segundo a ECPF de 2002 os fogares con ingresos inferiores 500 Euros dedicaban a vivenda o 45,5% dos seus gastos; os comprendidos entre 500 e 1000 dedicaban o 36,8%; ...e, en cambio, os diferentes grupos que estaban por enriba dos 1000 dedican cantiades que oscilan entre o 28,6 e o 32,1% dos seus gastos totais.

b) Porque o aumento do prezo da vivenda en España foi espectacular desde o ano 1996 (un 124% en sete anos e un 58% nos últimos tres anos, segundo os dados do Ministerio de Fomento), pero ao non tomalo en conta o IPC producese un abismo entre o IPC oficial e os prezos "realmente vividos", que o notan máis intensamente aquelas familias para as que o gasto en vivenda representa unha proporción maior.

c) A combinación dos dous pontos anteriores fai que a repercusión do aumento do custo da vivenda sexa moi importante para as familias de baixos ingresos ao longo de todos estes anos, incrementando moito o que deben destinar a vivenda e reducindo a proporción que lles queda disponíbel para os demáis gastos. De feito, o peso relativo do gasto en vivenda aumentou como media en máis de dous pontos porcentuais desde 1997 e 2002: pasando dun 29,4% a un 31,7%. No caso dos fogares de baixo nivel de ingreso eses porcentaxes son máis altos e aumentaron máis: para o grupo máis pobre pasou de 41,7% a 45,5%.

En conclusión, a vivenda é un coste moi importante para todas as familias pero especialmente para as familias máis pobres, de xeito que o aumento espectacular do prezo da vivenda nestes últimos anos afectoulles de xeito dramático nos seus gastos, coa peculiaridade de que ese aumento non é recollido polo o IPC e, en consecuencia, non se tivo en conta na negociación dos salarios que tomaron o IPC como referencia. Neste sentido, pode decirse que a negociación dos salarios en base ao IPC xeral penaliza a todos os asalariados pero dun xeito moi especial aos que perciben salarios máis baixos.


Outro aspecto moi relevante deriva do feito de que a composición do consumo é moi diferente en función do nível de ingreso das familias. Pois ben, os aumentos máis espectaculares dos prezos no periodo 2001-2004 (maio) danse nalgúns productos de alimentación, aluguer de vivenda e transporte, que teñen unha grande importancia na "cesta" do consumo das familias modestas. Frente a un aumento medio de 10,4% do IPC no conxunto de España destacan os fortisimos aumentos de "pan" (20,3%), "carne de vacún" (14,9%), "aceites e graxas" (39,0%), "ovos" (24,1%), "froita fresca" (29,7%), "legumes e hortalizas" (30,0%), "patacas e preparados" (39,6%), "prendas de vestir muller" (19,1%), "calzado muller" (21,3%), "prendas vestir nenos" (21,7%), "calzado neno" (16,7%), "calzado home" (15,1%), "vivendas en aluguer" (12,8%), "transporte público urbán" (16,4%), "transporte público interurbán" (14,8%), "servizos para o fogar" (15,0%), "turismo e hostelería" (13,3%), "Educación primaria (11,1%), secundaria (12%) e universitaria (14,6%)".

En consecuencia, pode dicirse que o IPC non é neutral socialmente senon que afecta de xeito desigual aos diferentes sectores sociais en función do seu nivel de renda. Os aumentos dos prezos nestes últimos anos foron moi superiores xustamente en productos que teñen unha importancia relativa moi alta na cesta da compra das familias de baixos ingresos (alimentos e bebidas, alugueres e transporte público). Na medida en que os seus ingresos (salarios, pensións ou subsidios) tiveran sido negociados en base ao IPC experimentarian aumento do diferencial entre os aumentos dos prezos do seu consumo e o aumento dos seus ingresos. Iso traducese nunha perda real do seu poder adquisitivo. Perda que, como decimos, se da de forma máis intensa nos tramos inferiores de ingreso.

Na ponencia coméntanse con detalle algúns outros aspectos que inciden tamén na dirección de acentuar o desaxuste entre o IPC e o coste real da vida. Todo iso ten moita importancia para todos aqueles que negocian cada ano os seus salarios tomando como referencia o IPC, ou simplemente lles fixa o Goberno as suas rendas en base ao IPC (¡normalmente o IPC previsto nos orzamentos do Estado, que acostumbra a ser inferior ao IPC real!), como é o caso dos funcionarios, pensionistas, perceptores de subsidios, etc... A través deste tipo de aplicacións o IPC acaba afectando de forma regresiva ao aumento das desigualdades de renda.

Co obxectivo de correxir esas deficiencias na definición do IPC actual en España na ponencia realizanse algunhas propostas para a sua modificación e/ou para introducción de criterios complementarios na negociación colectiva.

Autor: Xavier Vence. Catedrático de Economía Aplicada. Universidade de Santiago de Compostela.

Resumo da ponencia presentada no Seminario "IPC, IVA e Prezo da vivenda: o devalo das rendas baixas", organizado pola Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos e celebrado o 17 de xuño en Compostela.


0/5 (0 votos)