Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Completan a secuenciación de Drosophila

Celera Genomics, unha subdivisión da multinacional da biotecnoloxía Perkin Elmer, rematou de secuencia-lo ADN de Drosophila melanogaster, a mosca da froita. Drosophila melanogaster ten mil oitocentos pares de bases que forman, aproximadamente, entre os 12000 e os 20000 xenes. A mosca da froita é o animal máis estudiado e coñecido xeneticamente, dende que Thomas H. Morgan empezara a traballar con Drosophila en 1908.

- 23:30 17/09/1999
Tags:

Celera Genomics é unha empresa de Craig Venter, un dos xenetistas máis empeñados no proxecto Xenoma Humano. Non está participada por fondos públicos e agora quere centrar tódolos seus esforzos e recursos na secuenciación do ADN humano. Dúas son as características máis rechamantes desta nova. A primeira é a marca do tempo no que se fixo a secuenciación: só catro meses. A segunda é que, contra o acostumado, aínda non se publicaran os resultados en ningunha revista especializada, pero prometen facelo. Por facer unha comparación, a secuenciación dos dous millóns de bases do ADN de Haemophilus influenzae, un cocobacilo patóxeno, levou todo un ano. O éxito de Celera Genomics parece ser o seu método de traballo e a nova tecnoloxía empregada.
O seguinte paso co datos de Drosophila melanogaster vai a ser o ensamblaxe informático das bases, para formar cada un dos xenes da mosca. Craig Venter ve o traballo con Drosophila melanogaster como un desafío, unha proba para medi-la eficacia dos métodos de traballo da súa empresa.
Segundo Celera Genomics, os datos da secuencia faranse públicos en outubro deste ano e a súa publicación, en colaboración co Proxecto Xenoma de Drosophila de Berkeley, será a principios do vindeiro ano 2000.
A compañía matriz Perkin Elmer Biosystems deseñou e fabricou un secuenciador, o ABI PRISM 3700 ADN Sequencers, que foi o empregado para a secuenciación do ADN da mosca. A máquina é totalmente automática e pode secuenciar entre 1000 e 3000 xenes ó día. O método de secuenciación seguido recibe o nome de escopeta "shotgun" e ten lugar en varias fases. Na primeria fanse pequenas bibliotecas de ADN, que son esmiuzadas en pequenos fragmentos. A segunda fase precisa o uso das máquinas secuenciadoras para descifra-los fragmentos. A terceira, a que agora comeza, é o ensamblaxe con medios informáticos de tódalas pezas obtidas. Para iso vanse utilizar computadoras Compaq de 64-bits, que parecen ofrece-las mellores prestacións para o traballo cos sofisticados algoritmos matemáticos, necesarios para poner tódolos fragmentos na súa orde correcta. Nunha cuarta fase, pecharanse os ocos deixados por secuencias insensibles a secuenciación automatizada, cunhas técnicas de secuenciación especializadas. Coa última fase, construirase a biblioteca xenética en colaboración co Proxecto Xenoma de Drosophila de Berkeley. Cando tódolos pasos estean dados, publicarase a descrición de todo o proceso.
Parece que durante o proceso foron descubertos, milleiros de novos xenes que cifran proteínas de interese, entre eles o comercial, pola súa aplicación terapéutica o como insecticidas.
Máis información

En relación coas novas técnicas de secuenciación do ADN, científicos da Universidade de Wisconsin Madison están a desenvolver un proceso chamado "planimetría óptica", unha variante da técnica "shotgun" ou escopeta. Segundo o responsable do equipo que desenvolve esta nova técnica, o profesor David Schwartz, a planimetría óptica pode obte-la secuenciación dun ADN, nun tempo menor que as técnicas convencionais. Ademais é un proceso totalmente automatizado e precisa de cantidades moi pequenas de material. A planimetría óptica permite ter unha visión global dun ADN e non a retallos, polo que pode empregarse para comparar diferencias xenéticas entre individuos, desentraña-la orixe de enfermidades xenéticas ou examina-lo proceso de reparación do ADN. Combinando os datos da nova técnica e os obtidos con técnicas de secuenciación de alta resolución obtense unha descrición completa e inconsútil dun xenoma. A técnica comeza coa preparación das moléculas de ADN sobra unha superficie de vidro. Normalmente, o ADN está enrolado formando unha pelota de fío, polo que é preciso endereita-la mostra do ácido nucleico. Despois cun encima vanse cortando as febras en segmentos minúsculos, producindo fitos que revelan importantes riscos da organización do xenoma. De seguida, cada segmento de ADN pode medirse e definirse cunha tecnoloxía automatizada de exploración que emprega microscopía de fluorescencia. Máis información


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: