O pasado 8 de maio fallouse a decimoquinta edición dos Premios Curuxa, que convoca o Museo do Humor de Fene. Artistas de 38 países, como Bosnia, Chile, Eslovaquia ou a India presentaron os seus debuxos ao certame, que na súa vertente gráfica premiou ao brasileiro Cau Gómez. O xurado acordou concederlle a Curuxa de Honra a Nunca Máis por "empregar o humor en todas as súas actividades". A entrega destes galardóns terá lugar ao longo das XVI Xornadas do Humor que se desenvolverán os días 5 e 6 de xuño.
Xa son 15 as edicións dos Premios Curuxa convocadas polo Museo do Humor de Fene que dirixe Xaquín Marín. Estes galardóns veñen recoñecendo ao longo dos últimos anos o labor de diferentes profesionais da comunicación que destacan por empregar o humor na súa actividade cotiá...e tamén por todo o contrario.
Tal é a sona do certame, que nesta edición chegaron a recibirse 250 debuxos procedentes de 38 países diferentes. Só 112 traballos –os que collen na sala de exposicións do Museo de Humor- pasaron unha selección previa. Estes debuxos poderán visitarse no recinto a partir do 5 de xuño, data na que comezarán as XVI Xornadas do Humor.
O xurado estivo composto nesta ocasión polo cineasta cubano Francisco Puñal, o director do Museo Nacional da Imprensa de Portugal, Luís Humberto Marcos, o profesor da Escola de Belas Artes de Lugo Ramón Irazu, a presidenta da Comisión de Cultura do Concello de Fene, Ana Santiago, e o director do Museo do Humor, Xaquín Marín.
Todos eles acordaron por unanimidade concederlle a Curuxa Gráfica 2004, Premio Izar Fene a Cau Gómez, de Brasil. Foron finalistas nesta mesma categoría Stefan Despodov, de Bulgaria, Arif Sutristanto, de Indonesia, Yuri Ochakosvsky, de Israel, Leandro Barea, de Lugo, Ali Sur, de Turquía, Valentín Druzhinin, de Rusia, Donyo Donev, de Bulgaria e David Vela, de Zaragoza.
A Curuxa aos Medios de Comunicación será este ano para a revista electrónica Tebeosfera e para A Peneira, que quincenalmente edita o suplemento de humor O Farelo.
O premio de Honra, concedido polo Museo á persoa ou institución caracterizara por desenvolver toda unha traxectoria vital a favor do humor, foi nesta ocasión para Nunca Máis. O xurado quixo agradecer deste xeito o emprego do humor que fai a plataforma en todas as súas actividades.
Na banda contraria que os anteriores galardóns sitúase a Curuxa de Barro, coa que se distingue a defensa de valores que o Museo do Humor quixera ver desterrados. O gañador deste galardón foi Xosé Ramón Gaioso, seleccionado, segundo os responsables da iniciativa, atendendo "á súa aposta polo humor".