"Onde queira que aconteza, o xenocidio representa un fracaso da comunidade internacional, e eu cualificaríao de deliberado". O presidente ruandés, Paul Kagame, tivo palabras moi duras durante os actos en memoria das vítimas dez anos despois das matanzas de tutsis e hutus a mans de soldados hutu: preto dun millón de asasinatos.
"Como é posíbel que un millón de vidas do pobo de Ruanda se consideren insignificantes para os intereses estratéxicos ou nacionais?", acusou Kagame, ao tempo que se preguntaba publicamente se "os países poderosos actuarían doutra forma agora?". "Teñen as nacións poderosas unha axenda agochada?", advertiu o presidente, ao tempo que insinuaba posibles consideracións racistas na actuación da comunidade internacional, "agardo que isto non sexa certo", engadía.
Dez anos despois a situación do país parece ter virado cara a estabilidade malia existiren acusacións ao goberno por presuntas manobras represoras coa oposición. A semana de actividades en lembranza das vítimas de 1994 quere servir tamén para o debate e deseño de procedementos de acción que eviten masacres futuros similares ao de Ruanda.
Kofi Annan, secretario xeral da ONU, recoñeceu graves erros na actuación das Nacións Unidas daquela e aceptou as responsabilidades na acción internacional coma responsábel das operacións de paz da institución. Segundo Annan, a comunidade internacional "puido e debeu facer máis" para evitar as mortes, "fallámoslles a Ruanda e iso sempre nos deberá deixar cun sentimento de amargo pesar", declarou Kofi Annan.
Nunha información feita pública recentemente polo xornal inglés The Guardian denúnciase que a administración Clinton tería abundante información naquel momento sobre a ameaza de xenocidio en Ruanda pero que escolleu on actuar. Documentos saídos á luz por vez primeira así o confirmarían.