O diñeiro negro do petróleo é a causa dunha "epidemia mundial de escándalos financeiros" que se producen sobre todo nos países máis pobres do mundo. Global Witness fixo público un detallado traballo de investigación sobre as redes de corrupción entre as grandes empresas petroleiras e os gobernos e oligarquías locais de cinco países: Congo-Brazzaville, Angola, Guinea Ecuatorial, Kazakshtan e o micro-estado de Nauru, no sur do Pacífico. No informe, titulado A Hora da Transparencia, ponse de manifesto que os cartos que debían estar destinados ao desenvolvemento e a loita contra a pobreza desaparecen nunha mesta trama de intereses político-financeiros. O informe mereceu o editorial de Le Monde.
A ONG británica denuncia que "o segredo que arrodea os pagamentos aos gobernos polas compañías petroleiras e mineiras favoreceu a desaparición de enormes sumas de diñeiro das caixas públicas. Isto dá como resultado unha pobreza e unha inestabilidade que poden conducir á ruina dos estados e á guerra".
Nos países que son obxecto do informe, os gobernos nin sequera divulgan información básica sobre as súas contas de recursos naturais. "Compañías petrolíferas, de gas e mineiras tampouco publican ningunha información sobre pagamentos feitos aos gobernos. Enormes cantidades de diñeiro non están, por tanto, suxeitas a ningunha supervisión e elites corruptas poden extraer varios tipos de pagamentos para facilitar o traballo a empresas que probablemente preferirían non pagar subornos". A ONG denuncia tamén que moitas compañías están dispostas a facilitar pagamentos paralelos, a través mesmo do comercio de armas, para negociar con gobernos corruptos. O resultado final "é unha ladaíña de corrupción, decadencia social, aumento da pobreza, reforzo de gobernos autoritarios e desasosego político, que poden conducir ao fracaso do estado e a espallar a inestabilidade na rexión". O informe lembra por exemplo que, en Angola, un de cada 4 dólares provenientes do petróleo desaparece. E, ao mesmo tempo, un de cada 4 nenos angolanos morre antes dos cinco anos de doenzas evitabeis.
Para loitar contra estas prácticas, Global Witness propón que as instancias internacionais obriguen as compañías e aos estados a publicar coa maior transparencia as contas dos pagamentos que se realizan pola extracción de recursos.