Amnistía Internacional Galicia e Intermón Oxfam dirixíronse a todos os grupos políticos do parlamento galego, aos grupos municipais do concello de Santiago e ás organizacións sindicais para solicitar o seu compromiso de apoio á redacción e aprobación dun tratado internacional sobre comercio de armas. Esta iniciativa enmárcase dentro dunha campaña internacional para a consecución dun tratado, no ano 2006, que sirva de instrumento de prevención das exportacións que contribúen ás violacións de dereitos humanos e do Dereito Internacional Humanitario.
As seccións de Galiza das dúas organizacións esperan atopar nos representantes políticos galegos a adhesión a un manifesto co que xa se comprometeron representantes doutros países, como o ministro de asuntos exteriores finés, Erkki Tuomioja, o presidente do Brasil, Lula da Silva, o ministro de asuntos europeos dos Países Baixos, Atzo Nicolaï, o viceprimeiro ministro de Camboxa, Sar Kheng, ou o presidente de Malí, Amadou Touré. No Parlamento español a totalidade dos grupos do Congreso dos Deputados asinaron xa este manifesto o pasado 10 de decembro.
Nun só día calcúlase que morren no mundo 1300 persoas a causa do disparo dunha arma convencional. Ademais das perdas de vidas humanas que iso supón, a proliferación descontrolada de armas e mailo seu abuso alimenta os conflitos, mingua os medios de subsistencia e as oportunidades de saír da pobreza.
Dentro da campaña Armas baixo control, ademais dos apoios dos grupos políticos, sindicais e de personalidades da vida pública, Amnistía Internacional, Intermón Oxfam e a Rede Internacional de Acción sobre Armas pequenas (IANSA) levan recollidas miles de sinaturas de persoas de todo o mundo para lograr frear a proliferación de armamento descontrolado, que significa tratar de rematar co sufrimento diario de miles de persoas.
Contra dos que argumentan que non se pode facer nada para controlar o armamento, Intermón Oxfam e Amnistía Internacional confían en que isto si é posible. O Tratado de Otawa sobre Minas Antipersoas de 1997 acadouse grazas á combinación de gobernos comprometidos e do apoio popular en todo o mundo. Malia que a lacra desas minas non se erradicou aínda, hoxe ningún país comercia abertamente con elas. Cun compromiso semellante por parte dos gobernos e coa presión da poboación mundial poderase lograr nos vindeiros anos un Tratado sobre Comercio de Armas.