Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

O Liet, unha aposta fundamental

Nun auténtico concurso internacional da canción, cada un dos participantes podería cantar na súa propia lingua. Iso é o que opinan os organizadores do Liet Ynternasjonaal, unha asociación da cultura frisona, que levan anos reivindicando a canción nesta lingua xermánica, falada nos países Baixos e en Alemaña. Por iso o ano pasado decidiron poñer en marcha unha "eurovisión alternativa", onde se reunisen cantantes e grupos das linguas minorizadas europeas.

- 11:29 21/11/2003
Tags:

O Liet Ynternasjonaal, que terá lugar o domingo 23 na cidade frisona Ljewugarden, dálle continuidade a un concurso máis modesto, da canción na súa lingua, o Liet, nacido hai catro anos. Agora que xa acadou o nivel internacional vén sendo o único festival europeo no que as bandas participantes cantan en linguas minoritarias como o córnico, o catalán, o friulano ou o galego.

É moi pouco usual a participación das linguas minorizadas no festival de Eurovisión. Lembremos que soamente Bélxica procura un respecto por quendas das dúas linguas oficiais (valón e flamengo) nas súas representacións eurovisivas, ou que, por exemplo, nunca un representante da televisión pública española cantou nalgo diferente de castelán (malia os intentos de Serrat, substituído pola logo gañadora Massiel).

Os artistas que actuarán no Teatro De Harmoïe foron elixidos nunha selección de gravacións. Iso, agás no caso dos frisóns, que na xornada do sábado votarán ao seu representante nun certame local. Xa o domingo, un xurado formado por voceiros de cada un dos países participantes e as chamadas telefónicas do público determinarán o gañador deste certame que promove a conservación das linguas minorizadas.

O frisón é unha lingua xermánica, con tres variantes xeográficas que gozan de distinta vitalidade e que presentan moitas diferencias gramaticais e léxicas: a máis importante delas é o frisón occidental, falado na rexión de Frisia, nos Países Baixos, por unhas 700.000 persoas. O frisón septentrional fálano 10.000 persoas na estrema norte de Alemaña e o occidental e o frisón oriental outros dez milleiros na estrema de Alemaña cos Países Baixos. Podes colocar Google en frisón (occidental), por exemplo, ou visitar esta páxina sobre a cultura frisona... en frisón, claro.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: