Será a primeira vez que Galicia estea presente en Eurovisión. Nunca antes, baixo ningunha bandeira, cantou un galego ou unha galega nos escenarios da UER. E neste 2003 chega Verónica Codesal, unha galega nacida en Bélxica e que compite pola radiotelevisión belga, pero que garda moitísima relación co país: para algo é pandereteira e apoia a Plataforma Nunca Máis de Bruxelas.
Verónica Codesal sairá ao medio do Skonto Hall de Riga contra o final da gala, como voz do grupo Urban Trad. A formación roqueira belga caracterízase por unha peculiar forma de tocar "ao celta", e así se explica que o seu líder espiritual, Yves Barbieux, toque a gaita galega amais das frautas, por exemplo.
Pero Verónica toca tamén noutra formación, ata o de agora máis coñecida polas nosas leiriñas ca Urban Trad. Ialma é unha formación moderna de pandeireteiras, formada unicamente por mulleres da emigración galega en Bélxica. Publicaron o seu primeiro traballo, 'Palabras darei', en 2000, pero non foi ata o verán de 2002 e a publicación de 'Marmuladas' cando comezaron a darse a coñecer plenamente entre os galegos e galegas.
O peculiar colectivo Va-Ca está a desenvolver unha campaña para que Verónica (e Bélxica) sexan moi votadas entre nós. Ademais de recolleren na súa web unha chispa de felices e divertidos argumentos para torcer por Urban Trad, tamén achegan todos os recursos para convencer os aínda reticentes: vídeos, arquivos de son, fotos...
Antes ca Verónica, só puideron presumir de galeguidade en Eurovisión Julio Iglesias (por seu pai) e Karina (por un avó). Pero non o fixeron. Verónica Codesal mesmo valorou a posibilidade de aparecer no Skonto Hall con símbolos de Nunca Máis, con quen colabora dende Bruxelas. Pero a organización do Festival, sempre tan estricta, se opuxo.