Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

ADEGA demanda maior control do tráfico marítimo

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) considera que o accidente do petroleiro Prestige amosa a necesidade de reforzar a seguridade do tráfico marítimo de mercadorías perigosas fronte ás costas galegas, exercendo un maior control sobre el e ampliando e afastando o dispositivo de separación do tráfico marítimo de Fisterra. Asemade, reclama o adianto dos prazos para a aplicación das Directivas europeas "Erika 1" e "Erika 2" sobre a seguridade dos petroleiros.

- 16:09 15/11/2002
Tags:

ADEGA agarda que as autoridades galegas e españolas investiguen a fondo o accidente e esixan as responsabilidades oportunas. Neste sentido, ADEGA cualifica de criminal a resistencia do capitán -supomos que atendendo a instruccións da armadora propietaria- a que o Prestige fose remolcado.

Con ser importante e demasiado frecuente a contaminación do noso litoral por petróleo procedente de accidentes como o do Prestige, aínda é máis grave, malia ser menos espectacular, a contaminación habitual debida a pequenos e numerosos vertidos ocasionados polo lavado de sentinas e por escapes menores. ADEGA esixe un control maior dos barcos que pasan fronte ás nosas costas para previr e castigar os vertidos accidentais e habituais de petróleo.

ADEGA colaborará na medida das súas posibilidades co dispositivo de alerta e operativo posto en marcha pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente para tentar recuperar o maior número posíbel de exemplares de fauna afectados pola marea negra ocasionada polo vertido de fuel do Prestige.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: