Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Os poemas de Carles (Riba) a Pepita (Vila)...

A nosa colaboradora Narda Frans Ghals recolle in memoriam a linda historia dun famoso poeta catalán quen, por amor, escribiu en galego

- 17:18 26/02/1999
Tags:

OS POEMAS DE CARLES (RIBA) A PEPITA (VILA)... OU DO INTERESE DE GARDAR AS PRENDAS DE AMOR, POR SE ACASO.

Para alegría de filólogos, asociacións de amizade galego-catalana e enxeñeiros culturais afectos a construír pontes entre culturas, Carles Riba ESCRIBIU EN GALEGO OS PRIMEIROS POEMAS NEOTROBADORESCOS... E aínda non se sabe se é bo, ou se é malo... Por se acaso, Alonso Montero, que é moi aghudo para estas cousas, xa deixou dito nun libro que era poeta alófono, e como iso soa tan feo, en caso de necesidade... sempre nos pode axudar nun apuro, e entón dicimos que é unha enfermidade psicolingüística que ataca cando se lle cruzan os cables a un (digo... as linguas) e listo.

O rego. O caso é que escribir escribiu, en galego.

Primeira fase. O argumento sentimental: Carles, fillo de cataláns, namorouse de Pepita, filla de galegos, e... ben, aquilo de mozo ó procuro que atopa moza e queda apampirolado de todo, e como estamos en 1911 e o rapaz era estudiado, en vez de beber os ventos vai e le uns libros en galego, que se Rosalía por aquí e unha antoloxía de lírica medieval por alá, e logo vai e cárgase cinco séculos de longa e pousona tradición lírica propia e escríbelle un poemas de amor entre un café e outro e...

Segunda fase. Os amoriños primeiros son moi malos de olvidare: ... e nada. Porque a familia da Pepita dálle e dálle con que de casar nin pensalo, e vai o Carles, que xa lle collera o ghusto ó de escribir e decide dedicarse á poesía culturalista -que é tamén unha maneira de chufarse un de que é moi lido-, e convértese nun dos autores máis destacados do noucentisme. E logo vai e traduce a Odisea enteiriña ó catalán, que se cadra o fixo para esquecer o mal de amores, e... ¡o que faltaba, cholito!, casa coa poeta Clementina Arderiu. E aquí morreron as esperanzas. Aínda ben que Pepita, en prenda, gardou ben gardadiños os versos de amor...

Terceira fase. Sala de autopsias: ... logo, como sempre hai mortes, ¿non? Pois morre o Carles, morre a Pepita e os herdeiros envían o legado á Biblioteca de Catalunya para que fedellen nas súas intimidades uns descoñecidos...

- "¡Ujujú!", aturuxa Alvarez Blázquez, Xosé María, que tamén era moi lido e sempre falaba con citas, e na axenda apuntara que para aturuxar ía ben o poema aquel futurista do Risco. Pois o conto é que cando sabe que alá, nos tempos mozos, o poeta escribira uns versiños quedou todo cheo... "¡Carles Riba, o gran Carles Riba, é poeta galego, e pioneiro! ¡Que achantadiño o tiña! O fulano escribía cantigas de amigo e nós esperando a que Bouza-Brey volvese do xuíz en Lleida e as puxese de moda... ¡vintedous anos despois!".

A cuestión aínda está por resolver. Seguimos sen saber se é bo ou se é malo. Porque claro, unha tradición neotrobadoresca de tantos anos e con tanta xente alí metida que pasaba por culta e xente seria, como para que de hoxe para mañá descubras que un de fóra fixera iso antes ca ti e na túa lingua. É como un ghol en propia porta e home, a verdade, un chisco si que amola.

Pero tamén farda, ¿ou non?

-------
Bibliografía (seria) de consulta: Xosé María Alvarez Blázquez, "Carles Riba, poeta en gallego", Papeles de Son Armadáns, LXVIII, 1961. Consulta exclusiva en hemerotecas, ou amigo-amiga que fixo a colección daquela. Carles Riba. Cantares d'amor e d'amigo. Edicións do Castro, 1990. Dispoñible en librerías.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: