Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DOPICO FALA SOBRE O FUTURO DA COMPAÑÍA E A FENDA DIXITAL EN GALIZA

"R non se vendeu porque é líder de rendibilidade no estado"

A compañía galega de cable R é unha excepción. Da ducia de operadores autonómicos que naceron en 1998, só tres se libraron de seren comprados: Euskatel, Telecable e R. Arturo Dopico, director xeral da empresa, explica que a supervivencia de R "non se trata dunha cuestión de tamaño senón de rendibilidade". Nesta entrevista, Dopico discute o futuro da compañía e da sociedade da información en Galiza. Entre outras medidas, reclama a Madrid que desbloquee a concesión das licencias de radio, claves para estender a banda larga ao rural galego.

- 16:20 03/01/2007
Tags:

En opinión de Dopico, gañador do premio ao Enxeñeiro do Ano, para conectar o rural galego cómpre explotar "o factor radio, que agora está restrinxido pola paralización por parte do estado da concesión de licenzas en tecnoloxías innovadoras". Nunha conversa co portal do Plano Galego da Sociedade da Información (PEGSI), o directivo destaca unha medida para que Galiza supere a súa fenda dixital: xerar emprego no sector tecnolóxico.

Que medidas concretas agarda R que a Xunta tome a partir do PEGSI?
Todo o que sexa impulsar a actividade da Sociedade da Información é bo para Galiza. Entre as medidas principais encóntranse o investimento en infraestruturas para o desenvolvemento da sociedade da información, a formación (especialmente entre os máis novos) e o reforzamento estratéxico do tecido empresarial.

De entre estas medidas, cal sería a prioridade?
Cremos que reforzar o tecido empresarial é o obxectivo máis importante. Da existencia en Galiza de empresas tecnolóxicas fortes, que aporten unha porcentaxe alta de empregos, derivaríanse beneficios tanto na innovación individual, como na creación de contidos ou mesmo na penetración do acceso a internet. É dicir, se os empregos en Galiza son "do mundo dixital" tamén o serán as actitudes dos empregados e incluso a educación nas familias. Se os empregos en Galiza son do sector primario, ocorrerá o mesmo.

O mercado do cable naceu moi atomizado, cunha ducia de operadores autonómicos. A maioría foi absorvido por Auna e logo por ONO. Como logrou R non ser comprado por unha empresa de máis tamaño?
Non se trata dunha cuestión de tamaño senón de rendibilidade. Cando non se cumpren as expectativas dos accionistas, estes poden pensar en vender. No caso de R non se deu ese caso dado que a compañía é líder de rendibilidade en España.

A medio prazo, pódese dicir que é imposible que R sexa absorbida por unha empresa maior?
Polo momento, as cifras operativas e económicas obtidas polas operacións de cable de menor tamaño en España son excelentes. O caso de R é significativo, con algúns ratios de excelencia operativa e económica á cabeza do sector en Europa. Non cremos que o tamaño sexa un factor decisivo.

Galiza é un dos lugares con menor penetración da banda larga, en parte polo espallado da poboación...
Temos preto do 50% das entidades de poboación de toda España, mentres que o número de habitantes supón só un 5,75% . É unha desvantaxe evidente ...

Coa tecnoloxía e os custes de hoxe en día, é rendible para R estender a fibra óptica fóra das cidades?
Agora, co apoio da Consellería de Innovación, chegamos a case 55 municipios fóra das cidades. A poboación residente no resto das áreas tamén ten, evidentemente, interese en gozar das mellores prestacións posibles. Aí hai que introducir o factor radio, que agora está restrinxido pola paralización por parte do estado da concesión de licenzas en tecnoloxías innovadoras. Xa expuxemos este asunto ante a Xunta e cremos que entenderon as accións que se poden acometer.

Nas liñas do PEGSI sinálase á TDT como un dos elementos tractores da Sociedade da Información en Galiza, preocúpalle a competencia desta nova tecnoloxía?
Non, son modelos de negocio completamente distintos; a TDT baséase en contidos de baixa calidade e sen ningún tipo de servizo interactivo ou con interactividade moi limitada debido aos problemas de ancho de banda na canle de retorno. Xa coñecemos a experiencia do lanzamento de Quiero TV, que posteriormente desapareceu. Preocúpanos o xusto, sobre todo pola súa capacidade de "lobby" ante a administración.

O PEGSI destaca o desenvolvemento de contidos en galego como ferramenta para esteder a sociedade da información en Galiza. Está de acordo con esta afirmación? Ata que punto está interesado R na creación de contidos?
Sen dúbida, a creación de contidos en galego é un dos elementos clave para potenciar a novas tecnoloxías en Galizia, pero temos claro cal é a nosa posición na cadea de valor. O mundo dos contidos non é o o noso. O noso papel é o de axudar a que outros sectores paralelos se vaian desenvolvendo e por suposto servir como potenciadores para o desenvolvemento deses contidos.

A Asociación e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións acaba de elixilo enxeñeiro do ano. Que significa ser premiado polos compañeiros de profesión?
Supón unha honra porque o que se premiou é un proxecto e un equipo de profesionais, un proxecto clave para Galiza, o de a dotala dunha rede de fibra óptica de última xeración. Pensemos que en Europa se está a abrir paso agora mesmo a idea de que é necesario renovar completamente todas as infraestruturas dos vellos monopolios. Bruxelas deuse conta xa de que espremer "ad infinitum" o ADSL só vai servir para que perdamos terreo cos países asiáticos. Por unha vez, nesta nova batalla Galiza parte xa en posición de liderado, con máis do 50% da poboación cuberta por fibra óptica.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: