Leo Fernández Campos, máis coñecido como O Leo i Arremecághona!!!, medrou cos Resentidos, e foron unha influencia decisiva en moitos dos temas de Suspiros de kaña (Planta Baixa, 1998). O feito de que se puidese facer hip-hop en galego abriu a porta para a nosa música, que hoxe medra en todas as direccións. Afirma que estamos no mellor momento, e, con Reixa bastante recente, despois dun monográfico no seu programa "Se descobres que a NASA che rouba os discos de cumbias", falou con Vieiros sobre a súa influencia na música actual.
Non lle acorda a primeira vez que a escoitou (tería uns doce anos), aínda que lembra a súa irmá, que tiña seis daquela, e cantaba "fai un sol de carballo". "Buscoulle un eufemismo porque lle parecía demasiado "heavy" que se dixese carallo nunha canción."
"Na historia musical do país foi fundamental: se Rosendo foi o primeiro que fixo letras cunha certa calidade no rock and roll español, no noso caso tivemos a Reixa", afirma. Para el foi importantísima a posibilidade de facer hip-hop en galego. De feito, 'Kastrapo Pághuer!', o tema co que gañou o 2º premio do I Certame de Monólogos Monolingües, estaba bastante inspirado nos Resentidos, "e mesmo algún colega me ten comentado que lle lembra moito ao estilo Reixa." Para el é o exemplo máis claro de letrista, o modelo referencial no rock galego.
En canto ao panorama actual da música, pensa que nunca estivemos tan ben: "hai unha explosión brutal: é a primeira vez na historia que temos grupos de todos os estilos musicais: funk, hip hop, punk, que sempre houbo, cantautores e cantautoras, power pop, folc, mesmo trip-hop coa Safari Orquestra... Estamos no mundo. Calquera galego ou galega que queira escoitar música na súa lingua pode. Algo que non se pode dicir dos trámites burocráticos ou doutros ámbitos que aínda están por normalizar." Non pode evitar que salte a súa vocación filolóxica cando lamenta que no proceso de normalización lingüística gañásemos os espazos "aburridos", pero non os divertidos: "xa non temos un Andrés Dobarro, por exemplo. E no momento actual estamos a reconquistar ese ámbito decisivo da linguaxe." Valora moitísimo a rede como canle de distribuición: "os grupos hoxe pasan da SXAE e das discográficas, que son unha promesa de éxito bastante absurda."