Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS 301 COOPERATIVAS GALEGAS FACTURAN O 9,13% DO TOTAL ESTATAL

Cooperativas de todo o Estado debaten en Santiago as novas estratexias comerciais

O modelo empresarial, as estratexias agroalimentarias, as oportunidades de negocio vencelladas ao territorio e os servicios orientados aos socios e a produción, son algunhas das áreas temáticas do V Congreso sobre cooperativismo agrario que comezou este xoves en Santiago. Galiza, cuarta autonomía en volume de facturación, concentra 301 das 4.195 cooperativas do Estado, menos da metade centralizadas na Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca). As conclusións dos diferentes grupos de traballo completarán, segundo a Confederación Española de Cooperativas Agrarias (CCAE), a aportación dos cooperativistas ao futuro plan estratéxico que aínda debe deseñar o Ministerio de Agricultura.

- 13:13 02/03/2006
Tags:

O descenso da poboación nos espazos rurais, o novo mapa económico da Política Agraria Comunitaria (PAC) e as reformas nas Organizacións Comúns de Mercado dos principais produtos agrarios obrigan ás cooperativas a estender a súa actividade alén da actividade agrogandeira e da concentración e a comercialización das producións dos socios.

Con este panorama -e o retrouso Compartindo oportunidades- inaugurouse este xoves en Santiago o V Congreso de cooperativas agrarias, que reúne na capital de Galiza a máis de mil cooperativistas de todo o Estado. O seu obxectivo é, segundo Agaca e a CCAE, "afondar na consideración da intercooperación como principal ferramenta de adaptación ao mercado globalizado".

Á inauguración asistiron a ministra de Agricultura, Elena Espinosa; o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o fillo do rei de España, Felipe de Borbón, e a súa esposa, Letizia Ortiz. Touriño dixo que Galiza "está implicada" nun proxecto de construción de dous centros de desenvolvemento cooperativo Galiza-Norte de Portugal, un a cada lado da fronteira, "que albergarán desde departamentos de asesoramento e apoio a novos cooperativistas, até espazos reservados a establecementos empresariais cooperativos", anque non especificou se se trataría exclusivamente de cooperativas agrarias.

Entroutras actividades, no marco deste congreso faranse demostracións das funcionalidades do portal do Consello Galego de Cooperativas Agrarias, que pretende ser un foro de información de servizo estabel para todos os socios e directivos das cooperativas con presencia en Galiza.

A organización do congreso responde ao protocolo de colaboración asinado o 23 de febreiro entre a Consellaría de Medio Rural, Traballo, a CCAE e Agaca.

Programa

Entre as ponencias máis agardadas, Retos e oportunidades das cooperativas, estratexias ante a globalización dos mercados, a cargo do fundador de Eroski e presidente da Corporación Cooperativa Mondragón, Antonio Cancelo Alonso. Tamén falará o vicepresidente da CCAE e presidente da Unión de Cooperativas Agrarias de Navarra, José Joaquín Pérez, co Papel das cooperativas na creación de emprego e na dinamización do medio rural.

Alejandro Jara, director xeral adxunto da Organización Mundial do Comercio, e Lars Hoelgaard, director xeral adxunto da Dirección Xeral de Agricultura da Unión Europea, disertarán sobre O comercio mundial dos produtos agrarios e agroalimentarios; as súas repercusións na PAC. O venres, o presidente da Confederación de Cooperativas de Francia, Phillipe Mangin, e o da Anca Lega Agroalimentaria (Italia), falarán de Estratexias e modelos nas cooperativas da UE.

Cooperativismo en Galiza

Só en Andalucía e Levante concéntranse máis da metade das 4.195 empresas asociativas agrarias (cooperativas e Sociedades Agrarias de Transformación) do Estado español. As 301 galegas (o 6,48%) empregan a máis de 5.000 traballadores. Se falamos de facturación, os 1.295 millóns de euros galegos -datos de 2003- supoñen o 9,13% do total estatal. En número de socios, a porcentaxe galega é aprezabel nos mesmos termos: 45.050 -25.000 en Agaca- sobre 932.124.

Porén, Coren segue sendo a cooperativa con maior volume de facturación do Estado, con 837 millóns en 2004. A seguinte galega no marcador español é Feiraco, entre as vinte primeiras con 93 millóns.

Cuestión á parte son as cooperativas de segundo grao, entidades integradas por cooperativas de base, hoxe unha das principais fórmulas de integración empresarial do asociacionismo agrario para responder ao mercado globalizado. As once cooperativas de segundo grao galegas facturaron en 2003 preto de 1.033 millóns de euros, o 80% do total galego, segundo datos da CCAE. Só Andalucía e a Comunidade Valenciana superaron esta produción en 2004.


Documentos

0/5 (0 votos)