Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial

Guía electoral

Como se vota: preguntas e respostas

Achegámosche un breve manual, a xeito de preguntas e respostas, que che pode axudar a resolver algunhas dúbidas sobre o procedemento do exercicio do dereito ao voto:

Para que os/as electores/as comproben a súa inscrición no censo electoral (e modifiquen os seus datos, se fosen erróneos) é obrigatorio que os concellos e os consulados expoñan ao público as listas durante oito días. Esta exposición do censo terá lugar, neste caso, entre os días 12 e 19 de xaneiro, ambos os dous inclusive.
Fóra destas datas de exposición pública, as delegacións provinciais do censo electoral manterán a disposición dos/as interesados/as o censo (que se actualiza mensualmente) para a súa consulta permanente. Esta consulta pode realizarse a través dos concellos e consulados, ou directamente na propia delegación provincial.

Votas por vez primeira?
Se é a primeira vez que estás convocado ás urnas debes comprobar que estás inscrito no censo electoral e corrixir erros de identificación, se os houbese. Os Concellos tiveron a obriga de expoñer as listas censais en público entre os días 12 e 19 de xaneiro. Mais fóra desa data, os Concellos teñen tamén a obriga de ter o censo a disposición dos cidadáns. No caso dos residentes no exterior, son os consulados os que deben fornecer esa información.

Podo consultar telefonicamente os datos censais?
Os electores poderán formular consultas sobre os seus datos censais no servizo de atención telefónico gratuíto 901 101 900 do Instituto nacional de estatística (INE). Na web do INE tamén hai unha guía para o elector.

Como localizo a miña mesa?
Tes que localizar a mesa na que che corresponde depositar a papeleta, ben acudindo á exposición pública das listas do censo electoral que se realiza nas casas do concello ou ben na tarxeta enviada pola Oficina do censo cos datos de cada elector, na que figuran a sección e a mesa. Aínda que non é obrigatorio, é recomendábel conservar a tarxeta censal e levala xunto coa documentación, cando acudas a votar.

Teño que identificarme?
Na xornada da cita electoral, para exercer o dereito ao voto non debes esquecer presentar o documento de identidade, pasaporte ou carné de conducir cando acudas á mesa que che corresponde.

Onde recollo as papeletas?
No colexio electoral disporán de papeletas de todas as formacións políticas que se presenten para facer a súa escolla. Os votantes terán a posibilidade de introducirse nunha cabina para garantir o segredo da elección. Previamente, é posíbel que recibas por correo propaganda electoral con papeletas e sobres. Debes lembrar que as anotacións, sinais ou a introdución de varias papeletas no mesmo sobre constitúen a anulación do voto.

Que hai que facer cando se vai votar se non se atopan as papeletas dunha candidatura?
Se se dá o caso, o elector debe ir queixarse ao presidente da mesa, que ten a obriga de suspender a votación até que se corrixa a anomalía. Nas mesas electorais non poden faltar papeletas de ningunha das candidaturas que se presenten ás eleccións. Deben estar situadas nas cabinas de voto ou perto delas.

Que facer se algunha persoa ou grupo coacciona ou intimida aos votantes?

Hai que comunicarllo ao presidente da mesa, quen ten a obriga, no seu caso, de ordenarlle ás forzas de seguridade que actúen para evitalo.

Que facer se alguén realiza propaganda electoral nas proximidades do colexio electoral?
Dado que todo acto de propaganda electoral está prohibido durante a xornada electoral, podes denunciar o caso ao presidente da mesa para que tome as medidas oportunas. Con todo as candidaturas non están obrigadas a retirar os carteis electorais e os valos que puideran ser colocados durante a campaña, nas proximidades dos colexios. Así mesmo, os interventores e apoderados están autorizados a levar, para a súa identificación, distintivos e siglas da súa candidatura, sen que iso se considere propaganda electoral.

E contarán ben as papeletas? Podo ir mirar?

Calquera persoa pode presenciar o escrutinio dos votos de calquera mesa, xa que o escrutinio é público.

Podo votar por correo?
Calquera elector pode votar por correo, aínda que este procedemento se prevé para aquelas persoas que o 1 de marzo non fiquen na localidade onde están censadas e para as que padecen unha enfermidade ou incapacidade física e non poidan acudiren á mesa electoral.

Como solicito o voto por correo?
Até o 19 de febreiro, podes achegarte a calquera oficina de correos e, presentando o Documento de Identidade, solicitar o certificado de inscrición no censo. Por correo certificado, a oficina do censo hache remitir ao teu domicilio toda a documentación necesaria. Unha vez que escollas a papeleta (deben enviarche as de todas as listas presentadas na túa provincia) introdúcela no sobre xunto co certificado. O derradeiro día para enviar o voto é o 25 de febreiro. O envío é gratis.

Pode pedilo outra persoa por min?
Só en caso de doenza ou incapacidade, acreditadas mediante certificado médico oficial, pode unha persoa distinta do interesado solicitar este certificado e, para iso, debe ser autorizada por un documento notarial ou consular estendido individualmente. Nestes casos, tanto o certificado médico como a escritura notarial ou consular son gratuítos.

Podo votar por correo e logo na mesa electoral?
Ollo! Se envías a solicitude do voto por correo quedarás excluído da votación presencial perante a mesa electoral.

Como podo votar se vivo fóra?
Teñen dereito a votar nas eleccións ao Parlamento de Galicia os cidadáns residentes no estranxeiro que teñan a condición política de galegos e estean inscritos no censo de electores nesta situación. Este censo de electores que viven no estranxeiro é formado polos consulados, que teñen a misión de tramitar de oficio a inscrición dos españois residentes na súa demarcación e de manter actualizado o censo introducindo as altas, baixas e cambios de domicilio.

Como obteño o certificado se vivo fóra?
Os electores que viven no estranxeiro reciben da Oficina do censo electoral un certificado de inscrición no censo e as papeletas e sobres de votación, así como un sobre co enderezo da Xunta electoral provincial á que debe remitirse o voto. Cando o elector escolla a papeleta de voto e a introduza no sobre correspondente deberá pechalo e introducilo, xunto co certificado de inscrición no censo, no sobre co enderezo escrito que lle foi enviado para remitirllo á Xunta electoral provincial que lle corresponde.

Como envío o sobre co certificado se vivo fóra?
O envío á Xunta electoral pode facerse de dúas maneiras: ou ben por correo certificado enviado non máis tarde do día anterior ao da elección (é dicir, neste caso non máis tarde do 28 de febreiro), ou ben entregando persoalmente o sobre no consulado no que estea inscrito o elector non máis tarde do sétimo día anterior á elección (é dicir, neste caso non máis tarde do 21 de febreiro).

Como certifico a data da emisión do voto?

É indispensábel para a validez destes votos dos residentes ausentes que conste claramente no sobre no cal se envían un mataselos (ou outra inscrición oficial de correos ou do consulado) no que se certifique a data en que se fixo o envío (e que esta data estea dentro do prazo fixado para iso).

É gratuíto o voto dende o exterior?
Para que o envío certificado, desde o estranxeiro, do sobre de votación, non sexa gravoso para os electores residentes ausentes, inclúese entre a documentación que a Oficina do Censo lles remite a estes electores un impreso para solicitaren o reintegramento dos gastos de franquía satisfeitos pola remisión do voto. O importe da franquía será remitido a cada votante pola Dirección Xeral de Correos e Telégrafos.

Vexo as siglas do partido, pero non vexo o nome do presidente ao que lle quero votar?
Malia que as campañas das formacións políticas, centradas nos seus líderes acostuman a distorsionar o escenario, estas non son unhas eleccións presidenciais. Os electores non escollerán presidente de forma directa, malia que os partidos destaquen quen é o seu candidato para tal posto. Os cidadáns votan listas provinciais pechadas, onde deciden que deputados queren que os representen no Parlamento. Aos deputados que no seu caso gañen escano corresponderalles, no Parlamento, a votación do presidente da Xunta de entre os candidatos presentados por cada grupo parlamentario.

Teño unha familia grande, imos mirar de sacar escano por Ourense, como fago?
Poden presentar candidaturas nas eleccións ao Parlamento de Galicia:
  • Os partidos políticos ou federacións de partidos políticos inscritos no rexistro.
  • As coalicións de partidos ou federacións que, desexen concorrer con listas conxuntas ás eleccións e o comuniquen á xunta electoral de Galicia (ou, se non son de ámbito provincial, ás correspondentes xunta electorais provinciais) nos dez días seguintes á convocatoria (no caso destas eleccións, ata o 16 de xaneiro).
  • As agrupacións formadas por electores dunha provincia que reúnan as sinaturas de, de polo menos, o 1 por cento dos inscritos no censo electoral da devandita provincia.

Quen aprobou iso da "Lei D'Hondt"?
A Lei D'Hondt é o procedemento matemático que se aplica para decidir a que candidatura corresponde cada escano. O cálculo de escanos faise por provincias. En Galiza, só entran na peneira as candidaturas que saian das urnas cun mínimo do 5% dos votos.

A cousa é así: a cifra de votos de cada candidatura divídese por 1, 2, 3, etc. até un número igual ao de escanos que se van repartir. Os escanos atribúenselles ás candidaturas que obteñan os números máis altos nestas divisións, en orde decrecente.
Por exemplo:
  • Rexistran 100.000 votos válidos
  • Preséntanse 4 candidaturas e obteñen os seguintes votos:
    • Candidatura A: 44.000 votos.
    • Candidatura B: 30.000 votos.
    • Candidatura C: 16.000 votos.
    • Candidatura D; 10.000 votos.
  • Repártense 5 escanos.

 
/1
/2
/3
/4
/5

Candidatura A
44.000
22.000
14.667
11.000
8.800

Candidatura B
30.000
15.000
10.000
7.500
6.000

Candidatura C
16.000
8.000
5.333
4.000
3.200

Candidatura D
10.000
5.000
3.333
2.500
2.000



Observamos no cadro, como o total de votos obtidos por cada unha das candidaturas divídese entre 1, 2, 3, 4 y 5, xa que 5 son os escanos que se van repartir neste exemplo. As candidaturas que obteñen os números mais altos como resultado destas divisións son ás que se lles atribúen os escanos:

1. Candidatura A: 44.000
2. Candidatura B: 30.000
3. Candidatura A: 22.000
4. Candidatura C; 16.000
5. Candidatura B: 15.000
Neste caso, o reparto dos escanos sería o seguinte:
  • Candidatura A: 2 escanos.
  • Candidatura B: 2 escanos.
  • Candidatura C: 1 escanos.
  • Candidatura D: 0 escanos.

Na web oficial, Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009 podes atopar máis información ao respecto destes temas
Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.