Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial

As campañas electorais

Análise das propagandas, lemas...

Na campaña 'oficial', os partidos recuncan nas estratexias iniciadas nas semanas previas

Marcos S. Pérez


Para Xosé Rúas, profesor de Teoría e técnica da propaganda electoral na Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, percíbese claramente a influencia das campañas norteamericanas, presidencialistas e marcadas pola imaxe, o vídeo (a videocracia) e nos últimos anos pola importancia de Internet. Esa é a diferenza que existe en Galiza, onde a rede ten aínda un papel moito máis limitado ca nos Estados Unidos. Internet foi clave nos últimos comicios celebrados en norteamérica, e tamén nas primarias demócratas que dispararon a Obama; non só para a difusión de mensaxes e a creación de debate, senón tamén para a recadación de fondos (fundrising), onde o candidato demócrata bateu marcas grazas aos milleiros de pequenas achegas realizadas polos seus simpatizantes a través da rede. Precisamente Obama contratou para deseñar a súa campaña a un dos creadores de Facebook, todo un símbolo da relevancia da ciberpolítica.

En Galiza a realidade é ben outra: “os partidos entenden Internet como un espazo unidireccional de propaganda e non como unha oportunidade para o debate e para escoitar aos cidadáns”. Así e todo, Rúas salienta que nestes comicios os tres partidos emprestaron máis atención á rede, e dá tres exemplos de prácticas orixinais e exitosas: no BNG, o vídeo de 'Eu son Anxo Quintana', con milleiros de visitas; no PP, co concurso de 'Envíanos tu vídeo y come con Rajoy', “unha iniciativa barata, e que lles permitiu implicar aos seus simpatizantes”; e no PSOE, a través da súa televisión por internet, Ipsoetv.es, a primeira que abriu en España un partido político.

Impóñense as campañas presidencialistas e baseadas na figura persoal dos candidatos, pero cun problema, segundo o profesor Rúas: “en Galiza non hai liderados fortes”, o que pode levar que ao cabo, moitos electores non escollan o candidato que máis lles guste, senón aquel que consideren 'menos malo'. A iso xoga, en parte, o PSdeG-PSOE, coa súa mensaxe centrada na serenidade, na posición institucional, chamando á unidade de todos os galegos e ás posicións moderadas, fuxindo dos extremismos (lease entre liñas) de PP e BNG. Para Rúas, Touriño preséntase como xestor no canto de home de partido, unha posición moi conveniente para buscar o voto indeciso, principalmente o daqueles votantes que non se ligan de xeito permanente a ningún partido. En canto á imaxe presentada pola campaña socialista, Rúas destaca que se trata dunha estética diáfana e efectiva, “aínda que en publicidade adoita rexeitarse o negro (cor de fondo empregada polo PSdeG-PSOE), polo seu carácter negativo, en política dá unha imaxe de seriedade, e por exemplo, xa veu sendo utilizado polo PSOE nos últimos anos, por exemplo na campaña das últimas xerais”.

Nesta segunda fase da campaña, os socialistas inciden nas mesmas mensaxes xa utilizadas ('O presidente que nos une', 'O Presidente de todos e contra ninguén'), con lemas como 'Galicia ponnos de acordo', ou apunta á necesidade de ter un liderado forte para superar a crise: 'Dálle máis forza' (que tamén se pode ler en clave da competencia interna dentro do bipartito), ou chama á continuidade no cambio iniciado en 2005: 'Agora non podemos parar'. En canto ao spot electoral (http://www.youtube.com/watch?v=WZephx22Un4), o vídeo ten unha estrutura moi sinxela e escasamente orixinal: trátase dun mosaico humano, cunha sucesión de persoas (que se supón que representan ao conxunto da sociedade galega) que repiten as mensaxes de campaña, moi centradas no liderado de Touriño: “se veñen temas difíciles, quero que el dirixa a nave” ou “Miro os outros dous e penso 'ten que ser Touriño'” e o spot péchase cun “É o meu presidente”, repetido por todas as persoas que aparecen no anuncio.

O PP inicia a segunda fase da campaña mantendo a atención centrada na promoción do seu candidato, protagonizando Feijoo os carteis e spots en exclusiva. Así e todo, os populares diversifican as súas mensaxes, aínda que incidindo na mensaxe do 'cambio', o 'momento chegado' e o 'comezo' dun tempo novo, con lemas como “Empezamos” ou “Chegou o momento”. "Non queremos mostrar só unha cara e un lema porque nesta precampaña o que faremos será falar dos problemas da xente, e, por iso, os problemas da xente, as súas inquedanzas e preocupacións, estarán reflectidos na nosa imaxe electoral", explicou Alfonso Rueda ao presentar a campaña. Xosé Rúas cre posíbel que a campaña popular teña postos os seus obxectivos a medio prazo, no horizonte do 2013, máis ou menos como fixo Touriño nos comicios de 2005: “ás veces as estratexias estás destinadas a posicionar a un candidato para o futuro, dálo a coñecer”. O que Rúas lle critica á campaña popular refírese principalmente a cuestións estéticas: “a cartelaría cae no erro de non presentar unha imaxe limpa e clara do candidato. En moitas das fotografías, Feijoo está rodeado de moita xente, nun acto público, dá unha certa idea de collage, e a figura principal, a do candidato, queda diluída”. Rueda reivindica a opción escollida, pois -di- pola necesidade de presentar á cidadanía “á beira da imaxe de quen pode liderala". Alfonso Rueda explicou o contido do lema “Empezamos” como “unha invitación ao pobo galego a formar parte do cambio a mellor que representa o PPdeG e o seu presidente, Alberto Núñez Feijoo”. Nos spots televisivos (http://www.youtube.com/watch?v=d8-8x6dtFJA) creados polos PP, Feijoo preséntase como un candidato próximo á rúa, ao cidadán e aos problemas cotiás de cada persoa. Presenta conflitos personalizados nun cidadán concreto, e a través del critica a xestión do bipartito e ofrece a súa alternativa.

Sobre a campaña do BNG, Xosé Rúas destaca que malia ao seu carácter personalista, centrada na figura de Quintana, pero dándolle ao partido unha presenza moito máis importante ca nos dous outros casos. Destaca igualmente a presenza dunha gran variedade de lemas, coexistindo o inicial 'Queremos máis avances' con 'Con valentía e sen ataduras' e 'A túa forza move este país'. Rúas considera que esta combinación de lemas (empregada por exemplo pola campaña de Zapatero nas xerais de 2008) corre o risco de diluír a mensaxe principal, e por iso anima a ligar todos os slogans e as ideas forza nun tronco común. A idea central da campaña do BNG é, en palabras de Alberte Ansede, "que os galegos e as galegas sairán gañando se se reforza o poder político propio de Galiza, se cada vez máis cousas se deciden en Galiza, e iso só podemos conseguilo cunha presenza maioritaria e determinante do BNG no próximo goberno galego". Os spots audiovisuais dos nacionalistas (http://www.youtube.com/watch?v=a-cTCmCG4aw), presentan un candidato próximo á cidadanía, que fala cara a cara coas persoas, e que lles fala dos problemas que máis lles preocupan, é dicir, a crise económica.

O profesor Xosé Rúas si lle critica á campaña nacionalista o uso de palabras negativas e antónimos nas mensaxes difundidas, por exemplo no caso de 'Con valentía', que pode resultarlle agresivo a aqueles que non apoien ao partido nacionalista, dando a impresión de que chama 'covarde' a quen non pense como o BNG. Rúas critica así mesmo o “neocentralismo” que se percibe en moitas campañas, principalmente nas de populares e socialistas, que depende en exceso das estratexias deseñadas en Madrid, mais tamén nas campañas nacionalistas, non nas eleccións autonómicas, claro, senón por exemplo nas municipais, nas que non se diversifican as mensaxes entre as distintas cidades. A tendencia noutros países é a segmentar as estratexias dos partido en cada cidade, e mesmo barrio por barrio.

As campañas deciden menos do vinte por cento dos votos totais. Xosé Rúas conclúe a súa análise salientando que o principal reto que teñen os partidos é, sobre todo, mobilizar os seus propios votantes, principalmente no caso dos dous partidos que compoñen o goberno. “Os votantes de esquerdas son os máis críticos e os máis abstencionistas”, di Rúas, que indica que aí pode estar a sorpresa da eleccións: “o PP ten moito voto oculto que non recollen as enquisas, mentres que pola contra o BNG adoita conseguir mellores resultados nas enquisas ca nas propias eleccións”.
Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.