O resultado na provincia onde o BNG tiña depositadas as esperanzas de subir fica igual ca en 2005. O PP mantén a porcentaxe de apoio; PSOE e nacionalistas pérdeno.
Outra das claves destas eleccións pasaba pola circunscrición de Lugo. O PSOE que conseguira un medre considerábel nas municipais de 2007, baixa inesperadamente con respecto a 2005, do 34,37% ao 31,34% (co 98,34% escrutado). Nas quinielas do BNG, aumentar o número dos seus parlamentarios (dous) pasaba por conseguir en terras lucense un escano máis.
Os nacionalistas contaban co 'efecto Fernando Blanco', un dos conselleiros máis valorados á fronte dun departamento cobizado por todos. Non só non foi quen de atraer ese escano, clave na maioría absoluta do PP, senón que aínda mellorando a porcentaxe de apoio, do 14,45% ao 15,13% (co 98,34% escrutado), conseguiu menos votos.
Pola súa banda, os populares manteñen un resultado (48,61%, co 98,34% escrutado) case idéntico ao de hai catro anos (48,65%) malia non contar co amparo dunha figura como Francisco Cacharro Pardo clave en comicios anteriores, e estar fóra da Deputación.
A Mariña
Non foi na Mariña onde o PP conseguiu os seus mellores resultados (ou menos malos). Mesmo no Oriente baixou en número de votos; no entanto, non foron nin PSOE nin BNG os beneficiarios desta pequena sangría popular: UPyD, cuarta forza a nivel nacional, recolle os restos.
Terra Chá
Tamén os de Rosa Díez apañan parte dos votos que se deixou o PP na Terra Cha estes catro anos. Mais é Terra Galega quen experimenta unha maior suba, aparcendo no panorama político da bisbarra con 376 votos (co 100% escrutado). O PSOE aguanta o tipo; o BNG, o que máis perde.
Ribeira Sacra
O BNG mantén o resultado de 2005 nas comarcas do sur da provincia. Salienta a suba en Chantada, onde pasa do 15,07% ao 19,5%. Medra tamén en Quiroga, aínda que segue a ter unha presenza testimonial cun 8,78%.
Os conflitos internos do PP en Chantada lévano a caer en votos e mais en porcentaxe, aínda que segue a contar co apoio de máis da metade do censo.
Na Terra de Lemos perden populares, socialistas e nacionalistas e aparece con forza UPyD. + Galicia consegue máis sufraxios que os seus ex compañeiros de TeGa.
A Montaña
O PP foi a forza máis votada en 52 das 53 comarcas do país. Por 128 votos de diferenza, o PSOE conseguiu selo nunha, na Fonsagrada. Con todo, os populares permanecen cunha cota de apoio similar á de hai catro anos (do 41,47% ao 41,42%), mentres que os socialistas baixan do 47,03% de 2005 ao 44,54% deste domingo.
Nos Ancares, a situación é calco da que se produce a nivel nacional: o PP sobe, PSOE e BNG baixan.
Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.