Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Sobe a 12 representantes

O PP róuballe n'A Coruña un escano ao BNG

A propia bisbarra da Coruña marcou un dos máis significativos incrementos en favor dos populares, á beira dun afundimento importante de socialistas e nacionalistas.

Redacción - 00:30 02/03/2009

O PP acumulou na xornada do 1M un incremento de até oito puntos na comarca da Coruña, un dos exemplos de fortaleza do partido no conxunto da maior circunscrición do país e clave para roubar un escano que perde desta volta o BNG. Os socialistas déixanse case cinco puntos nos municipios do contorno herculino, mentres que os nacionalistas sofren un grave afundimento, descendendo até oito puntos nesta comarca.

O afundimento do Bloque é tamén amplo na comarca de Ferrol, onde deixa case sete puntos porcentuais. Nesta área, os socialistas perden apenas un par de puntos. Ferrolterra racha coa tendencia alcista do PP, que se deixa aquí case tres puntos. Deste xeito, faise notar a aparición no escenario de Terra Galega, que co ex alcalde naronés Xoán Gato á fronte obtén case o 12% dos votos da comarca.

O incremento do PP é menor na comarca de Compostela, onde apenas sobe un par de puntos. Neste caso, os socialistas manteñen practicamente os resultados obtidos en 2005. A área compostelá ofrece tamén unha fuxida do voto ao BNG, que cae catro puntos respecto ás cifras obtidas hai catro anos.

Na comarca do Barbanza, os populares, que hai catro anos quedaran no 41% do voto, lamben agora o 50%. Doutra beira, o PSOE deixa tres puntos porcentuais e o Bloque reduce o seu apoio en seis puntos.

Na comarca de Bergantiños, o PPdeG volve a tocar teito ao lograr o 49% dos sufraxios. O PSdeG baixa case tres puntos con respecto a 2005 (25,86%). Os nacionalistas, que gobernan a capital da bisbarra non puideron evitar tampouco a sangría e baixaron no conxunto da comarca máis de catro puntos (18,98%).


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.