Feijoo pídelle explicacións ao número un do PSdeG por Ourense por unhas obras para as que supostamente non pagou licenza.
O candidato á presidencia da Xunta polo PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, pediulle "explicacións inmediatas" ao número un da candidatura do PSdeG por Ourense, Manuel Vázquez. Feijoo acusou a Vázquez de cometer "fraude á Facenda local" nunhas obras que está a facer na súa casa en San Amaro.
Núñez Feijoo fíxose eco da información publicada polo xornal español ABC que asegura que Vázquez fixera unhas obras na casa que lle afectarían a todas as estruturas da vivenda, cando só informara o concello de que pretendía reparar o tellado, polo que aboou unha autorización de obra menor.
Para Feijoo, o candidato e conselleiro de Medio Ambiente debe aclarar este "incumprimento flagrante da normativa urbanística", de maneira "tranquila e sosegada", mais "ampla e clara". Tamén aludiu ao candidato socialista á presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que debe decidir se mantén a Vázquez no seu cargo e mais na candidatura.
Non faltaron mencións ao candidato do BNG. Feijoo dixo que Touriño ten que dicir "se ten dudas da honestidade" de Anxo Quintana, a raíz da publicación dunhas fotografías deste co empresario Jacinto Rei. O candidato do PPdeG negou que estea a "lixar" a campaña electoral e dixo que a súa axenda se organiza para "presentar propostas".
Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.