Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xulio Ríos

Cuba: Lage e a continuidade

09:34 21/02/2008

A renuncia de Fidel pecha un longo ciclo en Cuba e abre espazos para cambios de todo tipo na illa caribeña que, a priori, non derivarán necesariamente nunha modificación da orientación socialista do sistema.

A decisión de Fidel era esperada. Correspondíalle a el e debía facela pública antes do próximo inicio das sesións da Asemblea cubana. Mentres viva, Fidel terá un papel significado na revolución cubana, pero o seu cometido será outro e a súa enorme influencia política debera contribuír a afianzar o liderado colectivo que se instalou dende que cedeu temporalmente o poder a Raúl, hai disto xa 19 meses. Que o novo tempo se abra co beneplácito de Fidel é unha cuestión esencial para reforzar o liderado que está chamado a substituílo.

A expectación está centrada agora en quen será o seu sucesor. A elección é entre dúas figuras: Raúl, de 76 anos; ou Carlos Lage, de 55. Lage desempeñou un papel clave en todo este tempo en que Fidel estivo convalecente e goza de amplo prestixio e respecto. Fidel dixo o mes pasado que o seu deber elemental non era “aferrarse a cargos, nin moito menos obstruír o paso a persoas máis novas”. Esa afirmación podería inclinar a balanza en favor de Lage, cun reparto de papeis con Raúl, que podería escenificarse cun probable adiantamento do Congreso do PCC. A palabra está en mans dos 614 deputados que o próximo 24 de febreiro deben elixir ao presidente do Consello de Estado mediante voto secreto.

Sexa Raúl ou Lage, o impulso discursivo do primeiro será o predominante na escena política cubana. O continuísmo que se dará a partires de agora será, no esencial, o da política de Raúl e non de Fidel, que se ben entre ambos, como dixo o chanceler cubano Pérez Roque no seu día, “non hai un alfiler de diferenza entre eles”, estará máis centrado no pragmatismo e volcado na necesidade de estimular políticas que gocen de respaldo popular, que conten con apoio social e melloren progresivamente as condicións de vida dos cubanos.

A “valentía” e a “sinceridade” que Raúl, sen renunciar as principios ideolóxicos, reclamou en xullo de 2006, debe transformarse agora en respostas ás inquedanzas manifestadas nas asembleas populares que se realizaron en todo o país (salarios miserables, vivendas en pésimas condicións, caótico transporte público, carestía da vida, etc.) e que lastran seriamente a vida cotiá.

4,33/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xulio Ríos

Xulio Ríos é director do IGADI e do Observatorio da Política Chinesa. Recentemente publicou Mercado y control político en China (La Catarata, 2007). Entre outras obras publicou La política exterior de China (Bellaterra, Barcelona 2005) e tamén Taiwán, el problema de China (La Catarata, 2006). Asesor de Casa Asia, reside en Pequín. »



Anteriores...