Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

Bicentenario en clave electoral

12:45 31/05/2010

A celebración dos actos do Bicentenario da Independencia arxentina celebrados esta semana revelaron os polarizados síntomas de confrontación política entre o goberno de Cristina Fernández de Kirchner e diversos líderes e figuras políticas opositoras, medidos claramente en clave electoral de cara aos comicios presidenciais de 2011.

Paralelamente e a pesar da histórica mobilización popular destes actos, os mesmos demostraron o enorme desencanto social ante a división e o descrédito da clase política arxentina. Este factor resulta esencial para entender os cada vez maiores síntomas de desesperanza na poboación, e a sensación de incerteza ante a capacidade do establishment político para captar esas demandas sociais.

En principio, a formalidade institucional propia destes actos deixou entrever o clima de confrontación e desconfianza existente na clase política. A ausencia da presidenta Kirchner no desfile militar do sábado 22 foi interpretado como un acto de nula cordialidade cara as Forzas Armadas, especialmente nun momento delicado en que a xustiza arxentina revisa o pasado e as dantescas violacións de dereitos humanos durante a ditadura militar (1976-1983).

O clima de confrontación ampliouse cara a Igrexa católica ante a contraposición, con claro cariz político, de actos relixiosos entre o goberno e a cúpula eclesiástica. O cardeal Jorge Bergoglio amosa unha dura posición crítica e opositora contra Kirchner.

Finalmente, a presidente arxentina rexeitou asistir o luns 24 á reinauguración do emblemático Teatro Colón, probablemente para non coincidir con dous serios rivais políticos: o intendente de Bos Aires, Mauricio Macri, un dos "presidenciables" de 2011; e o vicepresidente Julio Cobos, ex aliado de Kirchner e actualmente un dos seus máis duros críticos. Como reacción, Cobos tampouco asistiu á cea de gala na Casa Rosada, consolidando a ruptura establecida.

Éxito ou fracaso?
Este clima politicamente enrarecido, ampliado tamén cara a confrontación centro-periferia entre o goberno central e os liderados rexionais, fragmenta os resortes da gobernabilidade e as posibilidades do matrimonio Kirchner de asegurar a continuidade presidencial en 2011. Non obstante, a multitudinaria participación social nos actos do Bicentenario foron interpretados polo goberno como un respaldo popular que fortalece as súas perspectivas políticas e electorais.

Constitucionalmente, Cristina K está imposibilitada para a reelección mentres o seu esposo Néstor acaba de asumir a secretaría xeral da UNASUR, un factor inmediatamente interpretado como un éxito diplomático dos Kirchner. Sen embargo, o goberno de Cristina K tentará capitalizar a mobilización popular do Bicentenario como factor que apuntale a posible candidatura presidencial de Néstor Kirchner. Incluso se especula con cambios no gabinete presidencial a curto prazo, orientados a fortalecer a imaxe do seu consorte.

Caso contrario, os Kirchner deberán xestionar diversas variables políticas para asegurar un sucesor con garantías para o "kirchnerismo" dentro do peronismo e da esfera da esquerda arxentina, con incertas posibilidades de éxito. Non obstante, existe certo consenso en considerar que Cristina K perdeu unha gran oportunidade de ofrecer unha imaxe máis condescendente e menos sectaria coas súas ausencias nos actos oficiais do Bicentenario (especialmente sensibles nos casos das cúpulas militar e eclesiástica e da intendencia bonaerense) que poden restarlle popularidade e capacidade de manobra política.

Igualmente, os escándalos de corrupción, a sensación social de impunidade xudicial e as secuelas dunha crise económica que comeza a manifestarse en clave de recesión e inflación, erosionan a imaxe do goberno e as posibilidades electorais do "kirchnerismo". Nin cabe falar da posibilidade dunha reforma constitucional que abra as portas da reelección de Cristina K, tendo en conta o seu esquivo panorama parlamentario.

Oposición atomizada

Por contra, a oposición amosa un panorama igualmente atomizado ante o baile de candidaturas 2011. Macri aspira avanzar nas preferencias electorais cun discurso de centrodereita, con especial énfase na recuperación económica e na seguridade pública. Paralelamente, dentro do peronismo "antikirchnerista" emerxe a figura do empresario Francisco de Narváez, quen derrotou a Néstor Kirchner na lista lexislativa bonaerense en xuño de 2009.

Neste panorama de volatilidade dentro da oposición aparecen tamén outros nomes como o disidente peronista Carlos Reutemann, o socialista Hermes Binner, a centroesquerdista Elisa Carrió (Coalición Cívica-ARI), o propio vicepresidente Cobos e os "radicais" Gerardo Morales e Ernesto Sanz, da centrodereita Unión Cívica Radical (UCR). Se ben se especula con fórmulas conxuntas entre os socialistas e os "radicais" da UCR, a atomización electoral da oposición dificulta as súas opcións de cara a 2011, escenario que curiosamente pode ser aproveitado polo "kirchnerismo" no caso de capitalizar un aínda incerto fortalecemento da súa imaxe pública.

Con todo, a celebración do Bicentenario deu paso a un debate na opinión pública sobre a reformulación de retos e prioridades a futuro para a sociedade arxentina. Pero a división política e o efecto electoral 2011 deron ao traste sensiblemente co sentido real destes actos, consolidando un panorama político tan seriamente atomizado como socialmente traumático e incerto.

2,6/5 (5 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...