Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

A actividade portuaria en Ribadeo

19:35 12/04/2010

A vila de Ribadeo ten destacado, ao longo dos séculos, pola súa actividade comercial e portuaria. Desde o seu porto tense xerado moita riqueza que axudou a desenvolver a zona e aportou á historia do noso país unha considerábel tradición de intercambio de mercadorías como madeira, sal, ferro e tecidos con terras tan afastadas como Francia, Inglaterra, o Báltico, ou mesmo as Américas.

Como ben nos lembra Francisco Lanza no seu Ribadeo Antiguo, en tempos de Raimundo Ibáñez a Aduana do Porto de Ribadeo era a terceira en volume de recadación, despois das da Coruña e Ferrol. A conxuntura nacional e internacional, tanto política como económica, foron modelando a actividade, por épocas febril, do Porto de Ribadeo. Lonxe queda o salto dos barcos de madeira aos de vapor. Que difícil tránsito para a actividade comercial ribadense! Pero de novo habería de coller folgos cando as explotacións mineiras de Vilaoudriz, na Pontenova.

Hoxe en día tamén está a pasar por un momento delicado. A principal mercadoría, que non a única, que circula polo actual Porto de Mirasol procede da papeleira de Ence-Navia. Esta empresa está a piques de rematar o seu proceso de ampliación, que lle permitirá producir ata 450.000 Tm. e que tamén lle esixirá dispoñer de ata 300.000 Tm de madeira. Ante esta tesitura, o ano pasado a empresa propuxo a construción dunha nave de carga no Porto de Mirasol. O forte impacto medioambiental e paisaxístico da mesma, a oposición frontal dos veciños e veciñas, ademais do consenso de todas as forzas políticas con representación no Concello ribadense, levaron a Portos de Galicia a desistir de tal idea. Foi entón cando desde o Principado de Asturias (outro firme opositor á nave de Mirasol) idearon a construción do ramal de Feve desde a factoría de Ence-Navia para dirixir todo ese tráfico de mercadorías ata o Porto do Musel, en Xixón, e tamén para traer desde dito porto a materia prima necesaria para a súa produción.

A colaboración entre Ence-Navia e o Porto de Mirasol ten dado moi bos resultados e aporta unhas condicións óptimas de tratamento da mercadoría no seu transporte (boa calidade do aire de Mirasol e non necesidade dunha excesiva manipulación da mercadoría no seu transporte).

Obviamente, toda empresa fai os seus cálculos para acadar o maior éxito posíbel. Mesmo cando Feve asinou un convenio con Ence-Navia e o Principado de Asturias para emprender a construción dun ramal desde a factoría da papeleira ata a liña de Feve, supoñemos que tería actuado con criterios de rendemento empresarial. Pero a lexítima aspiración de calquera empresa a aumentar os seus resultados non se pode tornar en política agresiva de eliminación do rival (neste caso, o Porto de Mirasol, en Ribadeo, por parte do do Musel, en Xixón). Moito menos cremos que sexa lícito e moralmente aceptábel que unha empresa pública, de ámbito estatal, deba desenvolver este tipo de políticas contra parte dos seus concidadáns.

Nin desde o Porto de Mirasol (e por extensión desde Portos de Galicia) se pretende facer a competencia ao Porto do Musel, nin tampouco se desenvolveu unha actitude agresiva (comercialmente falando) cara ao tecido socio-económico do occidente asturiano nin de Asturias en xeral. A vila ribadense, mellor ca ninguén, sabe o que son os lazos que vinculan a un e outro lado da ría. Empresas nosas instálanse no concello veciño de Castropol, Tapia ou A Veiga, comerciantes eonaviegos abren negocios seus en Ribadeo. Mesmo no transporte das mercadorías do Porto de Mirasol traballan tanto persoas galegas como do occidente asturiano. De feito, desde algúns concellos veciños teñen manifestado a súa preocupación polo futuro do Porto de Mirasol (porque tamén é algo do seu futuro). O volume de mercadorías que se vai mover co novo plan de traballo de Ence-Navia pode dar xogo tanto ao Porto do Musel (co tratamento da madeira) como ao Porto de Mirasol (continuando co seu labor tradicional).

3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...